Thursday 02 de May de 2024

Riveira reivindicou o legado xornalístico e literario de Manuel Lustres Rivas durante a concorrida presentación de Pandemonium


O Centro Cultural Lustres Rivas encheuse por completo con motivo da presentación da reedición facsimilar da compilación de ensaios que, co título de “Pandemonium”, publicara o xornalista local Manuel Lustres Rivas no ano 1917.

O acto contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz Rivas e de quen se encargou de coordinar a edición, o tamén xornalista Xosé María Fernández Pazos. Entre os asistentes, dous ex alcaldes, José Luis Torres Colomer e José Antonio Ventoso Mariño; diversos edís da Corporación; distintos persoeiros da vida intelectual do municipio e da comarca (Manuel Cartea, Pastor Rodríguez, Ciprián Rivas, Olegario Sampedro…) e outros moitos veciños que non se quixeron perder este histórico evento.

Tras lembrar as homenaxes puntuais que se lle dispensaron a Lustres Rivas ao longo da democracia (como o seu nomeamento como fillo adoptivo a título póstumo sendo alcalde Ventoso Mariño, a colocación dunha placa na súa casa natal por iniciativa de Altofalante ou a constitución do Centro Cultural Lustres Rivas no primeiro mandato de Manuel Ruiz), salientou o feito de rescatar este libro precisamente cando se cumpre un século da súa publicación e catro meses despois do 60º aniversario do seu pasamento, cando foi represaliado en Redondela en circunstancias nunca de todo aclaradas aos 48 anos de idade.

O xornalista dedicou a meirande parte da súa intervención a explicar a prolífica traxectoria de Manuel Lustres, que o levou a exercer a súa profesión a localidades como Vigo, Madrid e mesmo Arxentina, a miúdo como redactor xefe dos xornais nos que traballou. Fernández Pazos incidiu tamén no seu papel como creador literario, non só con esta obra “Pandemonium”, na que o autor refire as súas observacións vitais e pensamentos respecto a numerosos temas do seu tempo, senón tamén por exemplo con obras de teatro como “La hora grande” e “Peregrina de la ilusión”, escritas en colaboración con Ramiro del Valle e Ramón Fernández Mato, respectivamente.

Pola súa parte, Manuel Ruiz destacou que era de xustiza poder facer esta homenaxe a un riveirense que foi un xornalista ilustre e poder ir coñecendo así a obra dun home que é recordado sobre todo por unha morte tráxica.

Así mesmo, manifestou o seu desexo de que, unha vez se recupere o director de teatro municipal Chiqui Durán, se poida seguir dando a coñecer o seu legado literario estreando en Riveira algunha das obras teatrais escritas por Lustres Rivas.